Buscar
  Menú
  Axenda
  Actual
  Visual
 
Rota > O Concello> Goberno Municipal

Acordo de Goberno 2007 - 2011


 
ACORDO DE GOBERNO ENTRE O BNG E O PSdG-PSOE

MANDATO 2007-2011


Bases políticas e organizativas

I/ INTRODUCIÓN

O pasado 27 de Maio celebraronse elecións municipais no Concello de Pontevedra nas que os cidadáns expresaron inequivocamente a sua vontade política, optando por unha maioria social representada polo BNG e o PSOE, maioria que debe orientar a acción gubernamental ao longo dos vindeiros 4 anos.

Xa que logo, corresponde ao BNG e ao PSOE configurar no seo da Corporación Municipal unha maioria política que recolla e canalice a vontade cidadán expresada nas urnas.

É vontade de ambos Grupos garantir a gobernabilidade do Concello de Pontevedra, optando pola fórmula dunha coalición de goberno estable, solidaria e eficaz co firme compromiso de desenvolver un programa comun no camiño de mellorar o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra.

Pero se a estabilidade e o desenvolvemento dun programa comun son obxectivos de primeira magnitude, este goberno nace con mais altas miras: reforzar o liderazgo do Concello como motor de todos os sectores sociais e como canalizador das inquedanzas e enerxias da sociedade pontevedresa.

Para iso, pretendemos un goberno con mais impulso, con mais ritmo, con mais iniciativa, con mais capacidade de xestión que mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas e que acade que o Concello de un grande salto adiante na sua modernización e eficacia.

Este novo goberno mais dinámico, coerente e eficaz estará presidido polos valores sociais mais progresivos e avanzados: xustiza social, coesión social, avance nos dereitos individuais e colectivos e galeguidade.


II/ OBXECTIVOS DO GOBERNO

Son as grandes metas e obxectivos de todo o goberno que deben ser o referente en todas as actuacións; teñen carácter transversal e, polo tanto, son asumidas polo goberno no seu conxunto independentemente de áreas de responsabilidade e xestión.

Destacamos os seguintes:

— Fortalecer a condición de Pontevedra como cidade de referencia dunha Área Urbana próxima aos 250.000 habitantes e gañar centralidade dentro da zona mais dinámica de Galiza.

— Impulsar o desenvolvemento económico dotando á nosa cidade e área de influencia dos equipamentos e infraestruturas de comunicación necesarias para que se creen as condicións dun polo atractivo para investimentos propios e alleos.

— Dar un salto adiante na política social, primando o benestar e cobertura social dos viciños e viciñas, avanzando na corrección das desigualdades sociais no camiño dunha maior xustiza social e dunha sociedade mais coesionada e solidaria.

— Facer do Concello de Pontevedra un espazo atractivo para vivir e convivir, para o traballo e o lecer, no desenvolvimento de espazos residenciais e laborais de alta calidade.

— Optimizar o funcionamento da administración municipal tanto dende a óptica da eficiencia-calidade-excelencia na prestación de servizos á cidadania, como da participación e corresponsabilidade dos viciños e viciñas na xestión e funcionamento do Concello.

— Avanzar nas políticas de igualdade en todos os ámbitos no camiño de evitar calqueira tipo de discriminación por motivo de xénero, idade, condición, lugar de residencia, nacionalidade, etc.

— Impulsar a normalización lingüística.

III/ PRINCIPIOS DE FUNCIONAMENTO DO GOBERNO

Para dotar ao Concello de Pontevedra do mellor goberno, ambos Grupos asi como todos os seus integrantes comprometemonos a garantir un funcionamento acorde aos seguintes principios:

— Lealdade.- As duas forzas que asinamos este acordo comprometemonos a gobernar respectando o principio de lealdade de goberno, entendendo por tal que todos e todas os membros do governo actuarán con solidariedade e respecto coas propostas e actuacións dos demais, especialmente nas suas declaracións públicas.

— Corresponsabilidade.- A acción de goberno estará presidida pola solidariedade e a coesión, facendo do diálogo o instrumento de converxencia de criterios entre as duas forzas políticas.

— Equilibrio.- As tarefas e responsabilidade estarán repartidas en base a criterios e proporcionalidade e equilibrio, tanto programático como orzamentario e de xestión. A proporcionalidade programática reflitese nas medidas de goberno deste acordo e na execución dos respectivos programas nas áreas de responsabilidade asi como nos acordos que se acaden sobre asuntos que xordan no mandato; a proporcionalidade funcional e de xestión concretanse na parte do acordo relativo ao reparto de responsabilidades; a proporcionalidade orzamentaria concretarase nos investimentos, aumento de gasto corrente e de persoal.

— Autonomía.- Cada concelleiro/a responsabel dalgunha área de governo terá autonomia para desenvolver o seu labor dentro das liñas programáticas básicas acordadas e con arreglo ás normas xerais e as decisións corporativas que garantizan o funcionamento unitario do goberno municipal.

— Eficacia.- Na acción de goberno primará a axilidade, eficiencia e eficacia, para asi acadar un nivel óptimo de prestación de servizos e mellora da calidade de vida dos cidadáns. Este principio xeral inspirará toda a acción de goberno e concretarase, en particular, na aprobación en tempo e forma dos Orzamentos Xerais do Concello.

— Interese xeral.- A acción de governo situará sempre os interese xeral, que non é outro que o comun e colectivo dos viciños e viciñas de Pontevedra, por enriba de calesqueira intereses particulares ou partidarios.

— Democratización.- Avanzarase ainda mais na democratización e normalización da vida política municipal, dando todas as facilidades á oposición para exercer con solvencia o seu labor, asi como na criación de cauces de diálogo, participación e corresponsabilidade mais avanzados e eficaces abertos a todos os axentes sociais.

— Avaliación e seguimento.- Tanto o cumplimento deste acordo como a acción de goberno terán unha avaliación continua por parte de ambos grupos. Para este fin criase a Comisión de Seguimento formada polos representantes de ambos grupos na Xunta de Goberno Local que terá como cometidos: a coordenación do goberno, aclarar pontos non previstos neste acordo, avaliar o funcionamento do goberno e a sua adecuación ao pactado e perfilar as grandes decisións de goberno.

IV/ PROGRAMACIÓN DA ACCIÓN DE GOBERNO

Introdución

Sen renunciar aos logros dos anteriores gobernos, este novo goberno formulase sobre unha base diferente e novidosa, revisando todas as facetas do goberno e da Administración, reforzando os aspectos positivos e correxindo as deficiencias detectadas. O obxectivo é acadar que o Concello teña un novo impulso, unhas novas perspectivas e unha nova dinámica.
Esta finalidade está reflexada tanto no propio texto do Acordo, moito mais completo e matizado, como nas medidas concretas e outras que se impulsarán no futuro.

Programación da Acción de Goberno

O novo goberno de coalición fará unha programación e un seguimento exaustivos da acción de goberno. En todo momento estarán actualizadas as previsións de actuación a curto, medio e longo prazo. Para operativizar esta programación, adoptanse as seguintes medidas:
  • — Reforzar o papel da Comisión de Seguimento que se reunirá todas as semanas.
  • — Reunións periódicas de todos os membros do Goberno.
  • — Dotación inmediata de recursos aos servizos centrais do Concello como medida de choque para axilizar a administración e mellorar a calidade da atención aos cidadáns.
  • — Paquete de medidas urxentes de goberno a implementar nos 100 primeiros dias posteriores a firma deste acordo.
  • — Elaboración dun Plan de Actuación Municipal 2007-2015 que oriente a actuación do Concello cara o futuro a medio e longo prazo.

Medidas urxentes

Terán que estar todas en marcha mediante acordos administrativos firmes no prazo de 100 dias a partires da firma deste acordo.

Estas medidas irán acompañadas das dotacións orzamentarias e/ou das xestións necesarias ante outras administracións para a sua efectivización.

En cada área de xestión, cada concelleiro/a responsable elaborará a maior brevedade posible, caso de entendelo oportuno, un paquete específico de medidas urxentes concretas.

Plan de Actuación Municipal 2007-2015
Recollendo as aportacións de colectivos, asociacións e viciños e viciñas; as previsións de outras administracións e institucións, as propostas de todos os grupos políticos, e a opinión dos técnicos municipais, o goberno elaborará un Plan de Actuación Municipal, ambicioso pero realista, para o periodo 2007-2015.

Este Plan de Actuación deberá estar aprobado antes do 30 de Novembro de 2007 e as suas previsións contempladas no Orzamento para o 2008, no Plan Plurianual de investimentos e nos exercicios sucesivos cos axustes que o adecuen a realidade.






Hoxe é 12.03.2010 | webmaster@pontevedra.eu | Páxina editada o 29.05.2008 polo Concello de Pontevedra.