Menú
  Axenda
  Actual
  Visual
 
   

A mellor arte internacional das últimas décadas dáse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra

Bruce Nauman, Art & Language, Imi Knoebel, Richard Deacon, Helena Almeida, Jorge Macchi, Boris Mikhailov e Ángela de la Cruz son algúns dos corenta e dous artistas que conforman a mostra Irreversible, unha selección da colección Sánchez Ubiría.

Subir Voltar Home Mapa Web Imprimir Ampliar Texto Reduci-lo texto
Sabado 12 de Setembro do 2009
Calificada pola concelleira de Cultura, Lola Dopico, como a mellor exposición deste trimestre en toda Galicia, ?Irreversible. Dobre cara da colección Sánchez-Ubiría fai que Pontevedra se poña na primeira plana das propostas artísticas estatais. A concelleira sinalou a importancia de que en Pontevedra convivan nestas datas tres exposicións como a de Man Ray inaugurada onte por Caixanova-, un dos clásicos do século XX, a de Novos Valores no Museo de Pontevedra-, que é unha mirada ao futuro-, e Irreversibles, un excepcional repaso por algunhas das pezas máis representativas dos últimos cincuenta anos no mundo da arte.
 Irreversibles é unha selección da comisaria María Peña Lombao sobre a dobre cara da colección do matrimonio conformado por Marga Sánchez e Sebastián Ubiría. Mentres que ela confesa ser máis lúdica, de aí a súa predilección por obras como as de Abigail Lane, el se interesa máis pola arquitectura e por aspectos formais, sentindo especial predilección por unha das esculturas de Richard Deacon expostas no Pazo da Cultura. Entre ambos creamos un equilibrio, por iso se mostran continuamente esas dúas partes ao longo da mostra, afirma a coleccionista.

Nauman como fin e cumio
A sala que abre a mostra é unha síntese das temáticas e propostas que posteriormente se desenvolven, e unha síntese tamén da colección Sánchez-Ubiría, conformada por dúas miradas: unha racional e a outra máis sentimental, unha masculina e a outra feminina.

A frontalidade e a mirada directa, incluso fría, de obras como a de Susana Solano conviven coa abstracción ou a intensidade cromática das pezas de Jessica Stockholder. O impacto vén da man da fotografía de Laurie Simmons e Boris Mikhailov, mentres que Bruce Nauman pecha a exposición cunha das obras máis importantes e solicitadas da colección, o Setting a good corner (Allegory & Metaphor)?. Máis de cincuenta minutos nos que o artista constrúe un valado no medio de ningures para preguntarse se iso pode ser considerado arte só por tratarse de Bruce Nauman.

Un excepcional vídeo que culmina un percorrido expositivo con outras obras que cuestionan e poñen en xaque os límites das disciplinas artísticas e da arte en xeral, en especial os da pintura, como as de Ángela de la Cruz, Imi Knoebel, Katharina Grosse, Miquel Mont ou Helmut Dorner coa primeira peza na que utilizou resina. Mención especial merece o primeiro dos bocetos realizados por Art & Language para o seu coñecido Lenin ao estilo Pollock.

Entre as propostas fotográficas destaca a de Gordon Matta Clark, compartindo espazo con outro tipo de deconstrucción, que son as imaxes urbanas de José Manuel Ballester e Thomas Struth. Ademais, a natureza de Axel Hütte e de Félix Curto esta confrontada á industria-, as imaxes movidas de Thomas Ruff, a provocación de Robert Mapplethorpe con metralleta ante a estrela de David-, ou unha das últimas instantáneas de John Coplans antes da súa morte. Filipa César e Hans Op de Beeck, pola súa banda, experimentan coa secuencialidade e as referencias ao cine, do que directamente beben os vídeos de Matthias Müller.

O humor negro tamén ten cabida en Irreversible, da man de Fernando Renes e Marcel Dzama, ao igual que a tensión visual creada por Tunga, ou os exquisitos debuxos de Jorge Macchi, Waltercio Caldas e Lilian Porter. Un xogo entre debuxo e escultura é o que propón a obra de Carlos Garaicoa, mentres que a de Atelier Van Lieshout é un obxecto creado especialmente para a coleccionista Marga Sánchez.

Irreversible está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra e permanecerá aberta do 11 de setembro ao 15 de novembro no seguinte horario: de martes a venres, de 17:00 a 21:00 horas; sábados, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 horas.
Subir Voltar Home Mapa Web Imprimir Ampliar Texto Reduci-lo texto