2
MUSEO DE PONTEVEDRA

Castelao formou parte daquel reducido grupo de pontevedreses que fundou en 1927 o Museo de Pontevedra. Con Daniel de la Sota e Francisco Xavier Sánchez Cantón levou á práctica unha insistente idea de Antón Losada Diéguez e os vellos galeguistas, que teimaban por un un museo para Galicia e os galegos.

A relación de Castelao con Casto Sampedro e outros activos membros da Sociedad Arqueológica de Pontevedra estivo no cerne dunha paixón que Castelao concretou en ilusionadas conversas con Sánchez Cantón. Entre os dous imaxinaron as coleccións, os contidos e mesmo a restauración de elementos arquitectónicos dun edificio ao que chegamos pola rúa Pasantería.

O vedraio pazo de Castro Monteagudo abriu as súas portas logo de que o labor de homes como Castelao sensibilizara os membros de Deputación provincial de dotar dun museo a Pontevedra. Xunto ao legado da Sociedad Arqueológica desde o primeiro momento castelao doa obra súa para que se expoña nas salas e chega a entregar outras de artistas galegos por el coleccionadas. Mesmo descobre e entrega pezas de tanta importancia arqueolóxica como a estela romana de Ouzande en 1928, que localizou en terras da Estrada nunha cancela. Tamén aportou os restos dun cruceiro que co tempo pasará a presidir o centro do Eirado da Leña e que chega a converterse co paso dos anos nun dos sinais de identidade da vila. Logo da súa morte no exilio arxentino en 195O, a súa viuva Virxinia Pereira procurou que o seu legado fose depositado nesta institución.
 



Itinerario
1. A Praza da Ferrería

3. A Fábrica da Luz
4. Praza do Teucro
5. Praza das Cinco Rúas
6. Teatro Principal
7. Monumento a Castelao
8. O Instituto
9. Café Moderno
10. Rúa da Oliva
11. Café Méndez Núñez
Roteiro Castelao A Fábrica da Luz