1
A PRAZA DA FERRERÍA

Pontevedra abre as súas portas aos visitantes e na Praza da ferrería, lugar cheo de resonancias históricas é onde comezamos este roteiro. Alfonso Daniel Castelao chega a Pontevedra En 1916 a tomar posesión da súa praza como funcionario de estatística e vai ser precisamente nun recanto desta praza onde se asenta a súa oficina. Desde esa data, A Ferrería e os monumentos que a rodean serán testemuñas do devalar artistico, persoal e social do artista de Rianxo convertido xa en veciño de Pontevedra.

Castelao participará aportando consellos e debuxos na restauración do rosetón da igrexa de San Francisco e na recolocación da antiga Fonte da Ferrería, daquela abandonada no lugar que actualmente ocupa nos Xardíns de Casto Sampedro. Noutro recuncho da praza foi habitual da tertulia que mantiña, no seu caseirón, o propio Sampedro fundador da Sociedad Arqueológica na que tamén participa o musicólogo franciscano padre Luís F. Espinosa, para quen deseña Castelao a cuberta dunha das súas obras musicais. Outros bocetos, recollidos durante a viaxe a Europa en 1921, foron utilizados para recrear a "burra" que sae na procesión do domingo de Ramos.

No outro extremo da praza e xa en tempos republicanos, colaborou no diario El País, xornal onde inseriu o seu humorismo e pensamento galeguista ao lado das figuras que animaban o periódico, como Roberto Blanco Torres ou Bibiano fernández-Osorio Tafall.
 



Itinerario

2. Museo de Pontevedra
3. A Fábrica da Luz
4. Praza do Teucro
5. Praza das Cinco Rúas
6. Teatro Principal
7. Monumento a Castelao
8. O Instituto
9. Café Moderno
10. Rúa da Oliva
11. Café Méndez Núñez
Roteiro Castelao Museo de Pontevedra