MEU PONTEVEDRA

 
u vivín longos anos de ledicia en Pontevedra, aferrado a fermosura dos seus arredores, coma quen non pode desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida e agora padezo saudades da súa paisaxe, tristuras de non vela i espranzas de retornar a ela.

Empezo a ser vello e a vivir de recordos. Algunhas veces acode a miña memoria un cantar de requintada morriña.

Vi tan lonxe a mocedade,
está tan perto o meu fin,
que ás veces sinto vontade
de poñer loito por min


 
Pero non é que eu enloite o meu esprito porque a mocedade fuxise de min. Eu apénome de non poder ir a Pontevedra, que é unha fonte de xuventude, onde se curan os alifaces da vellez. Volver a Pontevedra sería mesmo que recobrara a mocedade perdida. E así como anteo revivía ao caer ao chan e soio morreu por non poder tocar terra, así u me libraría da vellez con soio pisar terra pontevedresa.
Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra. Entón a miña alma cantaría gozosa este cantar.

Xa morrín, xa me enterrei,
e agora xa estou eiquí.
Nin a terra me comía
sen despedirme de ti


Todo, todo, pode acabarse en min, menos o amor que sinto por Pontevedra. Vivo ou morto, alá irei como se di que van os romeiros a San Andrés de Teixido, que "alá van de mortos se non van de vivos". Pero eu espero chegar vivo parra curarme das inxurias do tempo. E non entanto vou coa imaxinación ...

Para ensoñar mundos de absoluta felicidade, libre da carne mortal que afoga a vida dos vellos, eu séntome á beira do Lérez. Pouso os meus pensamentos na beira das augas, como as ponlas caidas dos albres que dan sombra. Estou alí horas e horas, ensumido en min mesmo. Deste xeito participo da ledicia de San Amaro, cando estivo trescentos anos asexando o paradiso a través dun buratiño dunha porta. Ou como Don Ero, o fundador de Armenteira, que tamén estivo trescentos anos escoitando a un paxariño.

Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!.

Pontevedra en CastelaoCruces de pedra