| 6 A política e a amargura
Pero estes momentos logo quedarían embafados pola morte do seu único fillo o 3 de xaneiro do 1928. Cando aínda non se recuperara deste pao, morre tamén o seu grande amigo Antón Losada Diéguez. Deste tempo é o inicio definitivo da súa actividade política. Militante do Partido Galeguista dende as súas primeiras asembleas (Lugo), no 29 estréase cun gran mítin no Garcia Barbón de Vigo. En 1931 presentouse nas listas do seu partido pola provincia de Pontevedra ás eleccións ás Cortes Constituíntes e saíu elixido. En 1934, con Lerroux como presidente do Goberno da República, prodúcense graves revoltas en Cataluña en reivindicación de maior autonomía. Lerroux castiga todos os nacionalismos do estado, e en consecuencia, Castelao é desterrado a Badaxoz. A deportación prolóngase ata setembro de 1935, cando acada o ministerio da gobernación o galego Manuel Portela Valladares e lle levanta a pena. En febreiro do 36 sae elixido nas listas da Fronte Popular como representante do Partido Galeguista. Durante esta etapa da súa vida alterna as estadías en Pontevedra cos seus constantes deprazamentos a Madrid e ao resto de Galicia, especialmente durante a campaña para a aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. A guerra cólleo precisamente en Madrid, onde estaba presentando nas Cortes os resultados do referendo, abrumadoramente favorables á Autonomía. Nunca máis voltaría a Pontevedra nin a Galicia. |
|||||||||
| Castelao en Pontevedra | |||||||||