5
O galeguismo do café Méndez Núñez

Non podemos considerar esta unha etapa independente das anteriores xa que non vai diferenciada na liña cronolóxica, pero a diversidade do ambiente lévanos a tratala aparte. Tiña lugar este parladoiro nocturno no Café Méndez Núñez, que daba á praza da Peregrina e á rúa da Oliva, lugar propicio debido á proximidade da casa de Castelao.



Polo ambiente diferente que se respiraba nesta tertulia, máis progresista, máis galeguista, débese destacar asociado a ela un feito que tiña acontecido no 1913: a chegada a Galicia do libro No Desterro, de Ramón Cabanillas. Este libro tería unha fonda importancia en toda Galicia, pero foi en Pontevedra onde ese impacto se notou máis. Algo empezou a moverse en todo o país a partir da chegada deste libro. En 1915, o 18 de maio, quedaba constituída na Coruña a Primeira Irmandade da Fala da que Antonio Villar Ponte sería nomeado conselleiro primeiro. Castelao non tardaría en promover a Irmandade na cidade do Lérez precisamente ó pouco de instalarse en Pontevedra, en 1916. É precisamente o parladoiro do Méndez Núñez o aglutinador de tan amplo movemento de concienciación lingüística e cultural pontevedrés.

Logo de poñérmonos ó corrente de tan sinalado papel, non está de máis que lembremos qué persoas adoitaban acudir ao Café Méndez Núñez: Antonio Iglesias Vilarelle, Claudio Losada, Álvaro Xil, Fermín Penzol, Filgueira Valverde, Manolo Méndez, Valentín Paz-Andrade, Alexandre Bóveda... xente que procedía de ambientes galeguistas ou agraristas.

No Méndez foi onde Castelao xermolou, xunto co escritor ourensán Vicente Risco, a creación da revista Nós, a máis importante da preguerra galega, onde se foron recollendo o máis destacado da producción cultural do noso país naqueles anos. Foi aquela unha tertulia moi activa que deixou outros resultados salientables como a creación da primeira sociedade de estudios sobre Galicia na cidade, que se chamou Labor Galega de Pontevedra.
 



1. 1911. Primeira escala da turné da tuna compostelana

2. De auxiliar de estatística a profesor no instituto

3. Pontevedra decaía...

4. A exótica tertulia do Café Moderno

6. A política e a amargura
Castelao en Pontevedra [6]