| 4 A exótica tertulia do Café Moderno
Foi neste mesmo café onde tiveron xénese algunhas das obras de Castelao. No verán, tiñan costume de contratar unha orquestra. Nunha ocasión, unha delas trouxo unha tal pianista Fisher á que Castelao lle dedica o único nu que se lle coñece. Tamén foi no Café Moderno onde nunha ocasión un home foi buscalo para que lle fixese un retrato do seu fillo que estaba a piques de morrer. Foi a escena que deu orixe á estampa da súa obra Retrato, de Retrincos. Desenvolve nesta etapa a súa faceta como muralista con diferentes obras para Cambados, para o Café Nuevo de Vigo, para o Balneario de Mondariz ou para o pontevedrés Café Royalty, hoxe perdidos. Xorde tamén a súa faceta de deseñador para libros e revistas como Los nietos de los celtas, de Rafael López de Haro; Do ermo, de Noriega Varela; La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín; ou Seara, de Herminia Fariña, impreso nos prelos de Peón, na pontevedresa Rúa Michelena. Da relación entre Castelao e os seus compañeiros de parladoiro pode servir de exemplo a que mantivo con Carlos Sobrino. Esta relación foi ampla e sostívose durante todo o tempo que moraron en Pontevedra. No verán de 1917 expoñen xuntos nun portal dunha casa da rúa Peregrina, onde o fotógrafo Xoán Manuel Sáenz tiña o seu estudio. Esta exposición foi reseñada por Francisco Javier Sánchez Cantón nun xornal da época e hoxe conservada no seu libro Pontevedra y los pontevedreses. Tivo tamén unha etapa máis sonada adicada ó traballo coa Coral Polifónica de Pontevedra, precisamente fundada por Castelao e Antón Losada Diéguez en 1925. Castelao encargouse ademais de deseñar algúns dos decorados para as primeiras representacións da Coral, dos que, malpocadamente, non conservamos ningún. En 1927 Castelao, tamén acompañado de Losada Diéguez e doutras personalidades, coma Sánchez Cantón, que logo acabaría sendo Director do Museo del Prado ou o arquitecto Daniel de la Sota, fundou o Museo de Pontevedra. Encargouse Castelao do deseño das salas e máis da disposición dos fondos, e cedeulle á institución obras de arte popular que el rescatara da destrucción. Precisamente é no Museo actual onde se acolle a práctica totalidade da obra gráfica conservada de Castelao. |
|
||||||||||
| Castelao en Pontevedra | [5] | ||||||||||